Monday 29 de April de 2024

Urbanismo emite o Informe sobre a modificación do PXOM da Coruña na Sardiñeira para avanzar na tramitación da Intermodal


A Xunta cumpre con este trámite cando aínda non transcorreron catro meses desde que recibiu a solicitude municipal, unha mostra da súa vontade de colaboración para axilizar un proxecto clave para a cidade herculina

A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo acaba de emitir o seu informe sobre a modificación puntual do PXOM da Coruña no ámbito do polígono 029 A Sardiñeira, un cambio impulsado polo Concello para poder desenvolver o proxecto da Estación Intermodal coruñesa.
Con este trámite, o departamento dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda responde ao requirimento do Concello coruñés do pasado 2 de xullo, no que lle solicitaba que á vista da devandita modificación puntual (aprobada de forma inicial o 4 de xuño) recadara os informes sectoriais preceptivos autonómicos e lle dera audiencia aos municipios limítrofes para que puideran pronunciarse ao respecto.
Pouco despois de que se cumpriran os tres meses legalmente establecidos para que os organismos consultados se pronunciasen, Urbanismo acaba de emitir o informe no que se recolle o resultado das consultas realizadas, tal e como lle comunicou hoxe ao Concello para que poida continuar co procedemento.
Así, emitíronse un total de seis informes favorables por parte de Augas de Galicia, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o Instituto de estudos do Territorio, a Dirección Xeral de Ordenación do territorio e Urbanismo, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático e a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior. Ademais, tamén se lle deu audiencia sobre a modificación puntual aos concellos de Arteixo, Oleiros e Culleredo, recibíndose resposta en prazo só por parte dos dous primeiros.
Deste xeito, tras a emisión en xaneiro do informe ambiental estratéxico polo procedemento simplificado e unha vez cumprido o trámite de informe por parte de Urbanismo, a Xunta dá por concluído polo momento o seu papel na tramitación da modificación puntual.
Agora será o Goberno local, como promotor da modificación urbanística no ámbito da Sardiñeira, o encargado de solicitar o resto de informes preceptivos aos organismos estatais correspondentes. Unha vez os teña e tras analizar e tomar en consideración as alegacións formuladas e as posibles achegas realizadas na fase de consultas, o Concello aprobará provisionalmente o contido desta modificación puntual do PXOM.